» » » » PRESÉNTASE EN COMPOSTELA O CAMIÑO DE SANTIAGO NO BARBANZA

PRESÉNTASE EN COMPOSTELA O CAMIÑO DE SANTIAGO NO BARBANZA

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

Este xoves, 19 de decembro, ás 20 horas, tivo lugar en Compostela a presentación do Camiño de Santiago no Barbanza nun acto organizado pola Mancomunidade de Municipios Arousa Norte e a Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe.

Conducido pola xornalista Yolanda Vázquez, participaron o presidente da Asociación, Manuel Mariño Nin; o documentalista Antonio González Millán; o presidente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, José Ramón Romero e o delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña, Ovidio Rodeiro.

O primeiro en tomar a palabra foi o presidente da Asociación Amigos do Camiño de Santiago do Barbanza. A Orixe, Manuel Mariño Nin, entidade que naceu no ano 2017 co obxectivo de identificar, recuperar e poñer en valor o antigo Camiño de Santiago desde O Barbanza, que discorre polos termos municipais de Riveira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro e Padrón, localidade onde enlaza co itinerario da Ruta Xacobea Portuguesa cara a Compostela. Segundo asegurou Nin, o de hoxe foi un día moi emotivo, un soño feito realidade. Manuel Mariño Nin explicou que esta iniciativa se leva a cabo tras constatar que dito camiño estaba xustificado e argumentado en referencias manuscritas e publicacións a carón dun traballo de investigación a pé de territorio. Como valores existenciais desta ruta, subliñou as tradicións xacobeas de orixe medieval que sitúan na bocana da Ría de Arousa e na propia Ría a arribada dos restos do Apóstolo en Galicia ata a súa chegada ao antigo porto de Iria Flavia; o aproveitamento de tramos transitables dos antigos camiños que comunicaban Compostela co Barbanza; e en especial as testemuñas do patrimonio material, inmaterial e paisaxístico que proban a implantación do fenómeno Xacobeo nas nosas terras ao longo dos séculos. Así, a distancia que media entre o punto de orixe do Camiño do Barbanza e o sepulcro do Apóstolo en Compostela suma 112 km de percorrido, que permiten ao peregrino obter a ansiada ‘Compostela’.

Precisamente dos indicios históricos que avalan a existencia dun tramo transitable que comunica Compostela co Barbanza falou Antonio González Millán, secretario da Asociación Amigos do Camiño do Barbanza e documentalista. González Millán subliñou que importantes aspectos literarios e haxiográficos medievais transmitidos nos manuscritos da Historia Compostelá e do Códice Calixtino, relatan a traslación do apóstolo Santiago O Maior dende Palestina a Galicia, arribando por mar a bordo do afortunado navío primeiro ao porto de Iria e logo levaron ao venerable corpo ao lugar que entón se chamaba ‘Liberum donum’ e que agora se chama ‘Compostela’, onde o sepultaron. Resaltou ademais o gran traballo de rehabilitación deste camiño, coa localización e identificación do seu discorrer en traballos de arquivo, bibliográfico, percorrendo varias veces o terreo, e incluíndo o estudo de alternativas válidas para superar tramos desaparecidos, afectados, impracticables ou perigosos ao tránsito peonil. Confórmase así unha vía terrestre practicable en 5 etapas, seguindo os parámetros ao uso na peregrinación a pé.

Trala exposición de González Millán, tomou a palabra o representante da Xunta de Galicia, Ovidio Rodeiro, ante unha sala ateigada de persoas entre as que se atopaban representantes da Xunta de Galicia e Turismo de Galicia, da Deputación provincial da Coruña, do arzobispado, das Corporacións municipais de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo, Dodro e Padrón, técnicas de cultura, turismo e educación…, así como de entidades e empresas turísticas e asociacións sociais, culturais e deportivas.

Ovidio Rodeiro comezou o discurso felicitando a todos os participantes neste estudo sobre o Camiño de Santiago no Barbanza polo gran traballo de investigación, elaborado con gran rigor técnico, que engrandece o patrimonio xacobeo que nos pertence a o conxunto dos galegos. O delegado territorial da Xunta de Galicia na provincia da Coruña destacou a importancia do Barbanza no acontecemento que, segundo dixo, marcou máis a historia de Galicia e España: as peregrinacións xacobeas. Ovidio Rodeiro apuntou tamén a relevancia das rutas xacobeas ao longo da historia, que foron fundamentais para empezar a crear unha idea de Europa, e destacou a oportunidade que vai supoñer para Galicia o vindeiro Ano Xacobeo 2021. Unha tarefa colectiva, argumentou, que vai requirir a implicación de todos.

A última intervención do acto veu da man do presidente da Mancomunidade de Municipios Arousa Norte, José Ramón Romero, que resaltou que o Camiño de Santiago é un símbolo e unha oportunidade, asegurando que primeiro nos posicionou dende o punto de vista relixioso e hoxe faino tamén a través do turismo cultural, converténdose nunha oportunidade de desenvolvemento económico para tódolos lugares polos que pasa e, polo tanto, tamén para a comarca do Barbanza e para os concellos de Arousa Norte, ademais de Dodro e Padrón. José Ramón Romero fixo fincapé ademais na elevada densidade de patrimonio xacobeo existente na ruta de peregrinación, especialmente da época barroca. E apuntou tamén a súa importancia, ao brindar aos visitantes unha complementariedade en algo que Santiago non pode ofrecer, a relacionada co mar, outro símbolo da nosa identidade e un medio de produción que sempre nos deu sustento e na necesidade de sentirnos parte do centro do mundo e colaborar para chegar máis lonxe. Por todo iso, o presidente da Mancomunidade de Municipios de Aorusa Norte, fixo un chamamento a todos os presentes, ao conxunto dos galegos e a todo aquel que queira achegarse, a descubrir este Camiño de Santiago do Barbanza.

A música non podía faltar tanto no inicio coma no peche do acto. A apertura veu da man da formación ‘Lauda Sion’ cunha escolma de obras sacras de diversas épocas, compostas por autores nados ou relacionados coa Pobra do Caramiñal. E, de peche, un chisco da cultura musical do Barbanza da man de ‘Barahúnda’, que interpretou unha serie de Cantigas de amor e amigo da Lírica Galaico-Portuguesa.