» » » » XOSÉ LOIS PIÑEIRO ASUME A PRESIDENCIA DA MANCOMUNIDADE AROUSA NORTE

XOSÉ LOIS PIÑEIRO ASUME A PRESIDENCIA DA MANCOMUNIDADE AROUSA NORTE

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

Arousa NorteO alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, asumiu oficialmente este mércores a Presidencia da Mancomunidade Arousa Norte no decurso do primeiro pleno da entidade deste 2018 no que se abordaron outros asuntos coma o escenario orzamentario para os próximos 365 días. Neste sentido, o órgano directivo de Arousa Norte valorou a sinatura dun convenio coa Axencia de Turismo de Galicia así coma unha liña de axudas que promove a Deputación Provincial de A Coruña, referíndose a elas coma dúas vías que inxectan cada ano financiamento finalista para a consecución dos obxectivos plantexados.

Ademais, o Pleno da entidade deu o visto e prace á planificación para 2018 que pasa por seguir realizando accións de promoción da completa oferta turística de Arousa Norte non só no territorio nacional, senón tamén nas principais citas turísticas internacionais e a través de iniciativas propias de difusión en distintos países.

O Pleno valorou os traballos que deron como resultado a Senda Litoral Arousa Norte que vén a completar por terra a ruta da Traslatio e que rememora a chegada por mar a Galicia dos restos do Apóstolo.

Durante a xuntanza, a xerente de Arousa Norte presentou a dación de contas das accións realizadas nos últimos meses con fitos coma a presentación en FITUR de Arousa Norte, Paraíso Atopado, así como a participación da entidade en accións coma o Festival de Curtas Alberto Romero, cuxos premios se entregan este sábado; ou Trail Series Arousa Norte. Maruxa Ledo tamén salientou o éxito de iniciativas propias coma o Circuíto Catro Carreiras e unha meta ou o certame gastronómico +Q Tapas.

Neste sentido, a xerente da entidade anunciou a intención de amosar na feira gastronómica Xantar 2018, que se celebrará a finais deste mes e comezos de febreiro, as catro tapas gañadoras do certame promovido por Arousa Norte como mostra da calidade e bo facer culinario desta comarca.