» » » » O RESTAURANTE EL GOURMET ALJÁN DE RIVEIRA, GAÑADOR DO CONCURSO +Q TAPAS DE AROUSA NORTE

O RESTAURANTE EL GOURMET ALJÁN DE RIVEIRA, GAÑADOR DO CONCURSO +Q TAPAS DE AROUSA NORTE

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

 

CONCURSO +Q TAPAS DE AROUSA NORTEA tapa denominada Tartar de chipirón con percebe e falso alioli do restaurante El Gourmet Alján de Riveira resultou a gañadora do concurso +Q Tapas 2017, organizado pola Mancomunidade Arousa Norte. O presidente da entidade e alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, presentou en rolda de prensa a deliberación do xurado de expertos que outorgaron o segundo premio a O Curral do Marqués de Rianxo pola proposta Café con churros e o terceiro premio ao restaurante Nojira pola tapa Homenaxe ao salazón.

Á rolda de prensa, que tivo lugar no restaurante El Gourmet Alján, tamén asistiron o alcalde de Riveira e tesoureiro de Arousa Norte, Manuel Ruíz Rivas, e o vogal e alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños.

Durante a súa intervención, Xosé Lois Piñeiro agradeceu “o traballo creativo e de elaboración de todos os equipos de cociña” dos restaurantes que participaron nesta terceira edición do concurso +Q Tapas, ao tempo que engadiu que “elevan a nosa oferta gastronómica a un lugar moi destacado no conxunto de Galicia”. O presidente de Arousa Norte valorou especialmente a alta participación neste “evento propio de Arousa Norte”, xa que se consumiron un total de 3.117 tapas, o que o levou a ser “o ano de maior participación”, xa que o pasado ano foran ao redor de 2.700 tapas.

O xurado de expertos estivo integrado nesta edición de +Q Tapas por María José Basanta, blogger de Laurel y Canela; Luis Domenech, blogger de La buena pitanza; David Domenech, de Galicia Gastro; Mark Auchincloss, blogger turístico de My destination Galicia; Fabián Clusel, experto en enoturismo e Faustino Batallán, de Gastro y Política.

Votación do público

Pola súa banda, a xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo, lembrou que este concurso ten dúas modalidades de premios, uns que conceden un xurado de expertos e outro que concede o público en xeral a través da súas votacións depositadas nos establecementos hostaleiros. Neste senso, Maruxa Lendo destacou que a tapa máis votada polo público foi Estrela de Arousa do Restaurante Estrella de Mar, de Boiro.

Os premios concedidos polo xurado de expertos están dotados con 500 euros, o primeiro; con 300 euros, o segundo; e con 200 euros, o terceiro. O premio que concede o público consiste nun bono de 100 euros para gastar no comercio local de Arousa Norte.

Durante a rolda de prensa tamén se sortearon dous bonos de turismo cultural entre o público participante, valorados en 220 euros cada un, que corresponderon a Elisa Torrado Rodríguez e Martín González Rodríguez.

 

 

 

Dejar un comentario