» » » » Máis de 300 afeccionados e deportistas participarán na terceira edición do Trail Series

Máis de 300 afeccionados e deportistas participarán na terceira edición do Trail Series

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

presentacion_trail_series

O presidente de Arousa Norte eloxiou o atractivo das probas que pasan polos catro concellos da entidade e que espertou o interese de afeccionados e deportistas chegados doutros puntos de España

Boiro, 26 de xaneiro de 2017.- O presidente de Arousa Norte, Adolfo Muiños, presentou hoxe o Trail Series 2017 que se desenvolverá polos catro concellos desta entidade desde este domingo, 29 de xaneiro, ata o 30 de abril deste ano. Trátase dun circuíto de carreiras populares da modalidade trail (campo a través) “cunha serie de características especiais que o fan diferente ao resto de circuítos deste tipo en Galicia e incluso en España”, asegurou o presidente e alcalde de Rianxo.

Durante a rolda de prensa, na que estivo acompañado polo alcalde de A Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, e o rexedor de Boiro, Juan José Dieste, a xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo, e o director deportivo de Arousa Neo, Eduardo Iglesias, Adolfo Muíños destacou que “das cinco probas que compoñen o circuíto, catro son puntuables e decidirán os campións e campioas”. Estas serán as catro primeiras probas que teñen a saída e a meta en cada un dos concellos que integran Arousa Norte: A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Riveira. Entre cada unha destas probas puntuables discorrerán un mínimo de tres semanas.

Segundo as características do Trail Series, a quinta das probas será un Ultratrail, que conta con tres distancias nas que participar: 60 km, 35 km ou 20 km, pero non será puntuable para o circuíto.

Pola súa banda, a xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo, explicou que “máis de trescentas persoas participarán nesta edición do Trail Series moitas delas chegadas de varias cidades da xeografía española,” e que aínda está aberto o prazo para aquelas que queiran facelo na primeira das probas, que terá lugar este domingo en Riveira.

Durante a rolda de prensa, o director deportivo de Arousa Neo, Eduardo Iglesias, destacou “a dificultade media alta das probas” e salientou o desnivel positivo duns 600  metros do Trail da Cidá, que terá lugar este domingo en Riveira e que discorrerá ao longo duns 13,5 km, onde os participantes poderán visitar lugares emblemáticos do concello como o Mirador da Pedra da Rá.

Nesta edición, a principal novidade é a participación por equipos sen límite de número de compoñentes de cada un, pero só puntuarán os tres primeiros en cruzar a meta. Pola contra, si se establece un mínimo de integrantes de cada equipo que deberán ser polo menos tres corredores.

Todos os inscritos no Trail Series teñen premio so or participar, xa que na bolsa de corredor que se lle entregará na primeira proba levarán varios agasallos cedidos por entidades patrocinadoras do circuíto. Ademais, aos corredores que completen a totalidade das probas regalaráselle unha camiseta que os acreditará como finalistas do mesmo. Os trofeos que se entreguen aos gañadores son pezas artesanais, polo que a organización amosa o seu desexo de incentivar e manter a artesanía local.

(Pódense consultar os detalles da Trail Series nas webs www.trailseries.run e www.ultratraildobarbanza.com)

Dejar un comentario