» » » » ESTA FIN DE SEMANA ARRANCA A RUTA DE TAPAS, AROUSA NORTE + Q TAPAS, EN RIANXO

ESTA FIN DE SEMANA ARRANCA A RUTA DE TAPAS, AROUSA NORTE + Q TAPAS, EN RIANXO

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

A semana pasada presentábase en Boiro a V edición da ruta de tapas “Arousa Norte + que tapas”. Un evento gastronómico no que participan establecementos hostaleiros dos concellos de Riveira, Boiro, A Pobra do Caramiñal e Rianxo.

Tendo en conta as suxerencias dos establecementos participantes en edicións anteriores, este ano a ruta faise unha fin de semana en cada concello. Comezou en Boiro a fin de semana pasada, esta fin de semana será en Rianxo, e logo continuará na  Pobra do Caramiñal e rematará a última fin de semana do mes de novembro, en Riveira.

Os bodegueiros dos “Viños da Terra de Barbanza e Iria”, Antonio Saborido e Francisco Crussat, colaboran coa ruta propoñendo maridar as tapas. Os establecementos participantes terán os viños para todos aqueles que queiran saborear estes caldos de renome.

A ruta de tapas comezará en Rianxo o venres 15 ás 20.00 h ata ás 23.00 h. O público poderá degustar as tapas por un prezo de 2,50 euros nos seguintes locais: O Vilar, Toskana, O´Costillar, Castelao, A Lareira, O Asador, O Paseo e Plaza.

 

Como actividade complementaria, o venres ás 21.00h, estréase o teatro Casa O´Rei do Iuprofeno Teatro, no Auditorio (Sala Arcos Moldes).

O sábado 16 e domingo 17, a ruta de tapas seguirá en horario de mañá (de 12.00 a 14.00 h) e en horario de tarde (de 20.00 a 23.00 h). Durante un destes días do evento, haberá un sumiller, Juan Figueroa Treus, orixinal de Escarabote e residente en Vigo, que aconsellará aos clientes dos establecementos que viño tomar con cada tapa.

Como elemento a destacar, para a apertura da ruta de tapas en Rianxo, os 4 primeiros clientes en pedir unha tapa nun dos locais participantes terán como premio unha entrada para o monólogo do ‘Sevilla’ o 14 de febreiro de 2020 na Pousada da Galiza Imaxinaria en Boiro. Ademais, todos os participantes da ruta de tapas entrarán nun sorteo de 4 bonos gastronómicos e un concerto exclusivo que terá lugar antes de que remate este ano 2019.