» » » » AS VISITAS DE TURISTAS A AROUSA NORTE INCREMENTÁRONSE UN 46% NOS MESES DE VERÁN CON RESPECTO AO PASADO ANO

AS VISITAS DE TURISTAS A AROUSA NORTE INCREMENTÁRONSE UN 46% NOS MESES DE VERÁN CON RESPECTO AO PASADO ANO

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

O pleno da Mancomunidade Arousa Norte vén de avaliar os datos avance de visitas a esta comarca durante os meses de verán que indican un incremento do 46%, con respecto aos datos de 2017. O informe avance recolle o número de consultas atendidas nas oficinas de turismo, en total sete puntos de recollida de datos. Segundo os datos, a procedencia de visitantes segue sendo por encima do 65% de carácter nacional pero cun incremento dun 10% do turismo internacional con respecto ao mesmo período do ano anterior.

O órgano da Mancomunidade, presidido polo alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, analizou os lugares de procedencia dos visitantes, de xeito que máis do 50% segue sendo da propia Comunidade galega pero cun incremento do 15% de visitantes outras Comunidades Autónomas entre as que destacan Madrid, Castela, Euskadi, Asturias, Cataluña e Andalucía. En canto ao turista internacional, os países de procedencia son Alemaña, Reino Unido, Francia, USA, Italia Arxentina, México, Países Baixos, Irlanda e Xapón.

Estadías medias

A estadía media do visitante galego e nacional é superior ás sete noites aloxándose fundamentalmente en casas de aluguer vacacional, rural, cámpings, e hoteis de Arousa Norte. Pola contra, a estadía media do turista internacional supera as dúas noites e alóxanse en establecementos singulares de máis categoría.

O informe tamén salienta os principais atractivos turísticos sinalados polos visitantes nas enquisas, entre os que se atopan, as paraxes naturais de Arousa Norte, concretamente, o Compleo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, e a Illa de Sálvora;  así como o patrimonio relacionado co turismo mariñeiro, as bateas, o patrimonio arqueolóxico e a ruta marítima ‘traslatio’.

Divulgación do destino

Neste sentido, o Pleno da entidade valorou positivamente a estratexia de difusión e divulgación dos atractivos turísticos de Arousa Norte, especialmente, aquelas accións que permiten difundir este destino en citas turísticas nacionais e internacionais.

Así, Arousa Norte participará a vindeira semana na feira Grand Pavois de La Rochelle para difundir a potencialidade do turismo náutico da Ría de Arousa e os seus cinco portos náuticos situados nos catro concellos. Ademais, a finais do mes de novembro, a Mancomunidade participará na Feira Intur de Valladolid cun stand propio, deseñado e producido expresamente para estas citas turísticas.