» » » » Arousa Norte traballa no deseño dunha ruta a pé vinculada co Camiño de Santiago e doutra polo litoral da comarca

Arousa Norte traballa no deseño dunha ruta a pé vinculada co Camiño de Santiago e doutra polo litoral da comarca

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

A Mancomunidade Arousa Norte está a traballar no estudo e deseño de dúas rutas pedestres, unha vinculada ao Camiño de Santiago e outra que discorrerá polo litoral dos catro concellos que integran Arousa Norte: A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Riveira. O presidente da Mancomunidade, Adolfo Muíños, destacou que “estas dúas rutas engadiranse aos múltiples atractivos naturais da nosa comarca poñendo en valor o paso do Camiño de Santiago e tamén a beleza da nosa costa”.

Adolfo Muíños lembrou a ruta da traslatio dos restos do Apóstolo, que discorre por mar e que supón “o primeiro contacto con Galicia do Apóstolo Santiago”. Neste sentido, engadiu que “cabe recuperar a as pegadas que quedan desta ruta que discorría por Arousa Norte e que deixou restos da tradición peregrina nos catro concellos”.

O presidente da Mancomunidade destacou ademais que a singularidade da costa de Arousa Norte “merece que se habilite un sendeiro que percorra os catro concellos, de maneira que os amantes da natureza e da práctica de deportes ao aire libre teñen unha oferta máis dentro do elenco de lugares e posibilidades que presenta Arousa Norte”.

Pola súa banda, a xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo, apuntou que  “estas dúas rutas servirán de atractivo para visitantes en épocas do ano de menos visitas, como pode ser o outono e o inverno, e contribuirán a desestacionalizar o turismo, achegando valor socioeconómico na zona en tempada baixa”.

Dejar un comentario