» » » » Arousa Norte promociona en Madrid a calidade da sús gastronomía e a espectacularidade das súas paisaxes

Arousa Norte promociona en Madrid a calidade da sús gastronomía e a espectacularidade das súas paisaxes

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

Arousa NorteA Mancomunidade Arousa Norte desenvolveu esta mañá un acto de promoción da súa oferta turística no Congreso dos Deputados no que se distribuíu información sobre as distintas propostas turísticas e se degustou a gastronomía típica desta zona do norte da Ría de Arousa. O presidente de Arousa Norte e alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, valorou moi positivamente este evento “que se enmarca dentro do calendario de accións promocionais que está a levar a cabo a Mancomunidade ao longo deste 2017 e que xa comezou a dar resultados como confirma o feito de que a pasada Semana Santa se incrementase o número de consultas turísticas nos nosos concellos ao redor do 35%”.

Adolfo Muíños participou nesta promoción acompañado do vicepresidente e alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro; o tesoureiro e alcalde de Boiro, Juan José Dieste; o vogal e alcalde de Riveira, Manuel Ruíz Rivas, e a xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo, quen destacou que “estamos a levar a cabo un novo acto na capital de España, conscientes de que o turista nacional é un fiel candidato a coñecer e valorar as propostas turísticas de Arousa Norte”.

O acto de promoción de Arousa Norte desenvolveuse na área de restauración do Congreso dos Deputados e incluíu un punto de información turística e unha degustación gastronómica a cargo do equipo de cociña do Curral do Marqués que elaborou tres propostas: mexillón en escabeche branco caseiro con verduriñas encurtidas; empanada de millo de xoubas marinadas en aceite, e galletas mariñeiras con sardiña e crema de pemento.

Arousa NorteEsta degustación complementouse cunhas xornadas gastronómicas desenvolvidas polo propio restaurante do Congreso que propuxo, entre os pratos do seu menú para este martes, mini ensalada de navallas con guacamole caseiro, lima, cilantro e cebola morada e pastel de mexillón con grisíns.  A proposta gastronómica complementouse con viño albariño Altares de Postmarcos, da DXP Terras de Barbanza e Iria e o mexillón que se degustou neste evento foi facilitado expresamente para o mesmo pola DOP Mexillón de Galicia.

Polo espazo de Arousa Norte na zona de restauración do Congreso pasaron practicamente todos os deputados galegos das distintas formacións políticas que valoraron especialmente a acción de promoción realizada neste marco.

Previo ao evento, os catro alcaldes da Mancomunidade mantiveron un encontro coa presidenta do Congreso, Ana Pastor, no que esta lles agradeceu o xesto de vir a presentar á Cámara Baixa os atractivos desta zona de Galicia.

O acto incluíu a posibilidade de que os asistentes puidesen gozar da experiencia virtual Arousa Norte VR#batea360 que recrea a visita a unha batea no medio da Ría de Arousa, ao tempo que se proxectaron varios vídeos de carácter turístico desta zona.

 

Dejar un comentario