» » » » Arousa Norte promociona en JATA 2017 os seus roteiros náutico e a motor

Arousa Norte promociona en JATA 2017 os seus roteiros náutico e a motor

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

JATA 2017Arousa Norte vén de presentar na Feira Internacional de Turismo de Xapón JATA 2017 os seus novos folletos de roteiros tanto náutico como a motor en inglés, así como Arousa Norte, Paraíso atopado, editado en xaponés. A xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo, participou esta mañá nun workshop con profesionais do sector turístico xaponés interesados na proposta turística de Galicia.

O encontro entre os representantes de destinos turísticos galegos e os profesionais do sector turístico xaponés estivo promovido pola Oficina Española de Turismo (OET) en Xapón e reuniu a uns 200 touroperadores, axentes especializados, axencias, escritores e medios de comunicación nipóns.

Precisamente, o atractivo paisaxístico así como a cultura mariñeira foron algúns dos aspectos valorados polos profesionais xaponeses. Concretamente un grupo de escritores eloxiaron as características de Arousa Norte e amosaron a súa intención de visitala en futuras viaxes a Galicia. Neste sentido, Maruxa Ledo destacou que Arousa Norte “ten un atractivo cultual vinculado coa literatura, xa que foi  berce de varias figuras das letras galegas -Castelao, Manuel Antonio e Rafael Dieste-, así coma dun dos escritores referentes da literatura española de finais do século XIX como foi Ramón María Valle Inclán”.

Durante as reunións mantidas nesta xornada, un grupo de touroperadores e axentes especializados amosaron a súan intención de visitar Arousa Norte co obxectivo de estudar sobre o terreo todas as posibilidades para a creación de novos produtos turísticos centrados nesta zona. Maruxa Ledo explicoulles as distintas posibilidades e adiantoulles que en breve estará rematado un sendeiro polo litoral de Arousa Norte.

JATA é a maior feira de turismo da área pacífica de Asia e celébrase estes días, do 22 ao 24 de setembro. Na pasada edición, participaron nesta mostra case 1.200 expositores de 140  países de todo o mundo e recibíranse máis de 185.000 visitas, das que 50.000 eran profesionais do sector turístico.

Dejar un comentario