» » » » AROUSA NORTE PRESENTE EN FITUR 2018 UNHA PROPOSTA DESTINADA A CAUTIVAR AO VISITANTE AMANTE DA NATUREZA, A CULTURA, O TURISMO NÁUTICO E A GASTRONOMÍA

AROUSA NORTE PRESENTE EN FITUR 2018 UNHA PROPOSTA DESTINADA A CAUTIVAR AO VISITANTE AMANTE DA NATUREZA, A CULTURA, O TURISMO NÁUTICO E A GASTRONOMÍA

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

A cultura mariñeira, a gastronomía, o turismo náutico e de natureza foron os principais atractivos cos que Arousa Norte sorprendeu esta mañá aos touroperadores e profesionais do sector turístico nacional e internacional en Fitur 2018. Nun acto que levou por nome de Arousa Norte, Paraíso Atopado conducido pola xornalista galega Aida Bao, e no que participou a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o delegado da Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, os catro alcaldes da Mancomunidade foron os encargados de trasladarlle a un público especializado os principais atractivos desta zona costeira da provincia da Coruña que coinciden coas demandas actuais dos visitantes que buscan novas propostas centradas no mar, na natureza, a proposta culinaria e a práctica dos deportes ao aire libre.

Durante a súa intervención, a directora da Axencia de Turismo de Galicia eloxiou o traballo desenvolvido desde Arousa Norte en promoción e difusión das súa proposta turísticas, o que repercutiu positivamente nas cifras de visitantes “pechando o ano 2017 con 80.000 persoas que coñeceron este destino”. Nava Castro destacou ademais as excelencias da proposta de Arousa Norte, un claro exemplo, dixo de “turismo sostible e de respecto pola natureza”.

O presidente de Arousa Norte e alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, destacou que esta entidade vén facendo un importante esforzo en promoción e difusión deste destino e que traballa, ano tras ano, para “mellorar e incrementar as propostas ao visitante”. Precisamente, con este obxectivo, o presidente de Arousa Norte presentou en FITUR a Senda Litoral Arousa Norte.

“Trátase –segundo explicou Xosé Lois Piñeiro- dunha proposta que percorre os  100 quilómetros do noso litoral repartidos en catro rutas que discorren por cada un dos nosos concellos”. O punto de partida está na Capela do Carmen, en Espiñeirido (Riveira) e o remate no esteiro do Río Ulla (Rianxo). “O sendeiro flúe parello á costa norte da Ría de Arousa ofrecendo ao camiñante paraxes de indubidable beleza e singularidade e propoñéndolle completar este percorrido con visitas a outros puntos de interese turístico próximos á senda”, destacou o presidente de Arousa Norte.

Turismo náutico: 365 días navegables

As potencialidades da Ría de Arousa para o desenvolvemento do turismo náutico foron outros dos atractivos presentados en FITUR. O vicepresidente de Arousa Norte e alcalde de Boiro, Juan José Dieste, subliñou que “as características da nosa Ría convértena en 365 días navegables, cunhas augas que favorecen a travesía nun contorno especial que amosa as peculiaridades da nosa aterra”.

Neste sentido, Juan José Dieste puxo en valor os portos deportivos de Escarabote e o de Marina de Cabo de Cruz, os dous en Boiro, o da Pobra do Caramiñal, o náutico de Rianxo e o deportivo de Riveira, que entre todos “suman un total de case mil amarres e que ofrecen unha variedade de servizos ao navegante que fará do seu paso por Arousa Norte un recordo singular en toda a súa travesía”.

Ademais, lembrou que en 2017, en Arousa Norte incrementáronse os atraques nestas instalacións de embarcacións procedentes de Francia, Gran Bretaña, Irlanda, Suecia, Noruega, Portugal e Países Baixos, moitos deles atraídos –ao seu xuízo- pola ruta da Traslatio que rememora a chegada a Galicia dos restos do Apóstolo Santiago.

Enclaves naturais

Pola súa banda, o tesoureiro de Arousa Norte e alcalde de Riveira, Manuel Ruíz Rivas, destacou que “poucos destinos turísticos poden presumir de contar na súa xeografía cun parque natural e un parque nacional coma o Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Vixán e Carregal e o Parque Nacional das Illas Atlánticas, no que se atopa a illa de Sálvora”.

Precisamente, o alcalde de Riveira subliñou que o Complexo Dunar de Corrubedo é o parque nacional máis visitado cunha media de 300.000 visitantes ao ano que acoden interesados “pola gran duna móbil se estende ao longo dun quilómetro de lonxitude, 250 metros de ancho e unha altura de 20 metros”.

Referíndose a Sálvora coma outro enclave natural que o visitante non debe deixar de coñecer, o alcalde de Riveira destacou as peculiaridades desta illa que estivo habitada ata o último tercio do século XX e onde aínda hoxe se poden ver os restos da presenza das 60 persoas que residiron alí. Manuel Ruíz Rivas lembrou precisamente o naufraxio do vapor Santa Isabel fronte á illa e o valor amosado por un grupo de mulleres que non dubidaron en socorrer aos náufragos, salvando a vida de 56 persoas. “Esta fazaña identificaríaas coma as Heroínas de Sálvora e valeríalle ao Concello de Riveira o nomeamento do Rey Alfonso XII como vila moi nobre, moi leal e moi hospitalaria”.


 

Dejar un comentario