» » » » AROUSA NORTE PRESÉNTASE EN FITUR 2019 COMO UN DOS LUGARES MÁIS ESPECTACULARES DE GALICIA

AROUSA NORTE PRESÉNTASE EN FITUR 2019 COMO UN DOS LUGARES MÁIS ESPECTACULARES DE GALICIA

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

fitur_2019A Mancomunidade Arousa Norte desembarcou esta mañá en Fitur 2019 para presentar unha completa oferta de turismo de natureza, cultural, gastronómico, deportivo e náutico coa que pretende amosar ao visitante “un dos recunchos máis espectaculares de Galicia”. Así o sinalou a xornalista Aida Bao encargada de conducir o acto de presentación de Arousa Norte na feira internacional de turismo, ao que tamén asistiron os responsables da Mancomunidade. Alí estiveron o presidente de Arousa Norte e alcalde de Boiro, Juan José Dieste; e os alcaldes da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro; e de Rianxo, Adolfo Muíños.

Tras a proxección dun vídeo promocional de Arousa Norte con espectaculares imaxes de paisaxes e lugares que visitar nesta comarca, o presidente de Arousa Norte salientou o turismo de natureza que se pode visitar nestes catro concellos da provincia de A Coruña. Xosé Lois Piñeiro amosouse, ademais, especialmente satisfeito de poder amosar o traballo que se vén desenvolvendo desde Arousa Norte no apartado de promoción a través da participación da entidade en encontros turísticos internacionais.

O alcalde da Pobra destacou a creación de produtos propios coma “o Circuito de Carreiras Catro Carreiras e unha meta; a Senda Litoral Arousa Note con máis de 100 quilómetros para percorrer o noso litoral; o proxecto cultural de vermús musicais en épocas estivais e os certames de música ou de cine que nos dan un dinamismo de actividades durante todo o ano que nos permite ofrecer algo distinto onde involucrar a un público mozo, sénior, familiar y en xeral a un turista activo que pode vir a empaparse do noso contorno e cultural”.

Destino navegable 365 días

Pola súa banda, o presidente de Arousa Norte e alcalde de Boiro, Juan José Dieste, salientou as posibilidades desta comarca no ámbito do turismo deportivo e náutico. Así, puxo en valor o feito de contar con cinco portos deportivos situados “nun destino turístico navegable os 365 días do ano” e salientou a beleza das paisaxes que ofrece a costa de Arousa Norte desde o mar, con enclaves singulares como Cabo de Cruz -cunha fermosa fachada atlántica- ou o espectacular Faro de Corrubedo.

Juan José Dieste destacou o lugar que ocupa Arousa Norte nas cartas de navegación de veleiros e embarcacións de recreo grazas aos seus cinco portos deportivos “que suman un total de mil amarres e ofrecen unha variedade de servizos ao navegante”. Deste xeito, o alcalde de Boiro lembrou que en 2018, “se seguiu constatando o incremento de atraques de embarcacións procedentes sobre todo de Francia, Gran Bretaña, Irlanda, Suecia, Noruega, Portugal e Países Baixos” e puxo en valor a celebración, por primeira vez, da ‘Volta a Ons Trofeo Arousa Norte’, “que tivo unha acollida espectacular entre os participantes”.

Finalmente, o alcalde de Boiro salientou a ruta da Traslatio marítima como un atractivo máis para contemplar desde o mar a paisaxe que ofrece o litoral de Arousa Norte.

Oferta gastronómica e cultural

O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, puxo o énfase na oferta gastronómica e cultural de Arousa Norte. Así, destacou que “conservas, produto fresco e mexillóns únense a outros produtos de calidade suprema tamén da nosa terra que están presentes na gastronomía internacional, o que reforza aínda máis a nosa proposta gastronómica”.

Neste sentido, Adolfo Muíños lembrou que ao longo do ano Arousa Norte fai presentacións gastronómicas, sen esquecer “o noso concurso de tapas e a participación en eventos sectoriais gastronómicos”.

Dous vídeos promocionais

Arousa Norte presentou esta mañá a súa oferta turística nesta feira internacional, na que este ano participan máis de 10.000 empresas de 165 países e rexións. O acto de presentación desta entidade incluíu ademais a proxección de dous vídeos promocionais. O último en exhibirse leva por título ‘Nauta’ pretende promocionar os deportes náuticos e a práctica deportiva ao aire libre en contornos naturais dos catro concellos coruñeses.

Ademais, desde o stand de Turgalicia, Arousa Norte está a proporcionar aos visitantes de Fitur folletos informativos sobre distintas opcións turísticas nesta comarca. Así, o folleto ‘Arousa Norte, 365 días navegables” está editado en galego, castelán, inglés e francés recolle a principal información sobre os cinco portos náuticos ademais das tarifas de atraque.