» » » » Arousa Norte presenta a guía de aloxamentos e o folleto onde comer e servizos

Arousa Norte presenta a guía de aloxamentos e o folleto onde comer e servizos

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

Arousa NorteO presidente da Mancomunidade Arousa Norte e alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e a xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo, veñen de presentar esta mañá os folletos Guía de Aloxamentos e Onde comer e servizos de Arousa Norte cos que se pretende “dar unha atención integral ás persoas que se achegan a preguntar polos servizos de hostalería e restauración da nosa comarca”, segundo apuntou Adolfo Muíños. Os dous materiais estarán a disposición dos demandantes de información turística sobre Arousa Norte nas catro oficinas de información turística e tamén nas principais cidades de Galicia.

Os dous folletos, Guía de aloxamentos e Onde comer e servizos, ofrecen un elenco de restaurantes, locais onde comer, hoteis, hostais, casas rurais, etc. e tamén un abano de empresas que ofertan a posibilidade de realizar actividades de ocio e lecer nesta comarca. Estruturada a información por concellos, os datos incluídos van desde as direccións, teléfonos, webs e/ou mails, categorías, tipos de hospedaxe e tamén número de prazas.

 “Estamos seguros –salientou o presidente de Arousa Norte- de que con estes dous materiais imos satisfacer en boa medida as demandas das persoas que se achegan por Arousa Norte que buscan información sobre onde quedarse e onde durmir pero tamén das actividades que poden facer ao aire libre coma deportes náuticos ou en familia”.

OFERTA GASTRONÓMICA

Adolfo Muíños tamén destacou que estes materiais veñen a poñer en valor a oferta gastronómica de Arousa Norte “tendo en conta que o atractivo gastronómico é un dos principais alicientes á hora de captar visitantes que optan por pasar un día en Arousa”.

Neste sentido, lembrou que a Mancomunidade está a traballar na organización da terceira edición do concurso +Q Tapas Arousa Norte que se desenvolverá nas dúas últimas fins de semana do mes de novembro e as dúas primeiras do mes de decembro. “O éxito alcanzado en anos anteriores fainos pensar  que se repetirá e de novo teremos polos bares e restaurantes dos concellos de Arousa Norte visitantes que quererán probar e tamén votar pola gastronomía do lugar”, sinalou.

Pola súa banda, a xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo, agradeceu a colaboración dos catro concellos á hora de traballar cos técnicos de Arousa Norte para recompilar os datos e a información recollida nos folletos presentados.

INSTRUMENTO DE PROMOCIÓN

Ademais, a xerente destacou que estes materiais serán de gran utilidade como instrumento de promoción “ nas feiras de carácter turístico nas que estamos a participar e que xa están a dar os seus resultados”, xa que este verán “houbo un incremento de turistas de orixe nacional, europeo e xaponés e o número de amarres nos portos náuticos creceu considerablemente con respecto a anos anteriores”.

Maruxa Ledo destacou ademais a Guía de aloxamentos e Onde comer e servizos de Arousa Norte serán dous dos materiais que “levaremos á próxima cita turística, a World Travel Market que se celebra en Londres a vindeira semana, e xa a finais de novembro á feira de turismo interior INTUR que ten lugar en Valladolid”. “En ámbalas dúas citas, estará Arousa Norte cunha axenda de encontros con touroperadores e axentes que xa amosaron o seu interese por reunirse con nós e coñecer a nosa oferta”, asegurou.

 

Dejar un comentario