» » » » Arousa Norte prepara unha programación estival dirixida a incrementar o volume de visitas neses meses

Arousa Norte prepara unha programación estival dirixida a incrementar o volume de visitas neses meses

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

O Pleno da Mancomunidade Arousa Norte aprobou esta mañá algunhas das accións nas que está a traballar xa a entidade destinadas a atraer visitantes durante os vindeiros meses e concretamente, na época estival. O presidente da Mancomunidade e alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, salientou que “se está  a traballar para consolidar o incremento de visitantes que vimos rexistrando este ano” e aludiu ao balance positivo de consultas durante a pasada Semana Santa, na que as oficinas de turismo dos catro concellos rexistraron un incremento medio de preto do 35%.

pleno_mayo

Así,durante os próximos meses, Arousa Norte desenvolverá unha nova edición dos Vermús Musicais e tamén do Circuíto Catro Carreiras e Unha meta, que percorre os catro concellos durante os meses de verán.

#Vermusmusicais é un ciclo de concertos realizados na rúa nos catro concellos do Barbanza de xeito simultáneo durante os domingos de agosto na franxa horaria do mediodía, entre as 13.00 h. e as 15.00 h. No marco desta acción, Arousa Norte pretende crear un produto cultural e turístico, apostando polo traballo colaborativo entre as distintas entidades organizadoras, entre as que se atopan os concellos, a Mancomunidade e a Deputación Provincial de  A Coruña.

Por outra banda, visto o éxito de anteriores edicións, Arousa Norte dará un impulso ao Circuíto Catro Carreiras e unha meta durante este ano 2017, facendo unha importante aposta pola súa difusión tanto online como offline.

O Pleno da Mancomunidade tamén deu o visto e prace a outras actuacións de promoción de Arousa Norte como é a participación da entidade na feira turística de Silleda Festur 2017, na que se promocionarán as festas declaradas de interese turístico dos catro concellos como son a Festa da Guadalupe de Rianxo; a Festa da Dorna de Riveira; a Festa do Nazareno da Pobra do Caramiñal e a Festa de San Ramón de Bealo de Boiro.

Pola súa banda, a xerente da entidade, Maruxa Ledo, deu conta das últimas accións desenvolvidas por Arousa Norte, nas que se inclúen os Premios ao Deporte Arousa Norte, entregados no marco dunha gala o pasado mes de abril; así como as accións de promoción desenvolvidas na ITB de Berlín e en dúas cidades polacas, Opole e Lublin en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia.

Finalmente, Maruxa Ledo salientou a necesidade de que a web de Arousa Norte estea tamén en lingua inglesa para así alcanzar unha proxección máis ampla. Neste sentido, o pleno aprobou dúas novas versións da web www.arousa-norte.es en lingua galega e lingua inglesa.

Dejar un comentario