» » » » Arousa Norte participa na II edición do Certame de Curtas Alberto Romero

Arousa Norte participa na II edición do Certame de Curtas Alberto Romero

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

certame_curtas_alberto_romero

O presidente de Arousa Norte e alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, anunciou esta mañá a colaboración da Mancomunidade na organización e desenvolvemento do Certame de Curtas Alberto Romero que alcanza a súa segunda edición. Nunha rolda de prensa, Adolfo Muíños destacou que “consideramos que é unha Iniciativa de máximo interese para nós na medida en que conxuga varios elementos”. Neste sentido, aludiu ao fomento da creatividade e a participación das futuras xeracións na realización de pezas cinematográficas, ao uso das novas tecnoloxías como unha ferramenta para para proxectar Arousa Norte alén das súas fronteiras e finalmente, á implicación das comunidades educativas dos centros de Arousa Norte, especialmente das ANPAS dos centros da comarca.

O presidente de Arousa Norte estivo acompañado pola xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo; o presidente da Asociación Cultural Alberto Romero, Santiago García; a vicepresidenta da entidade, María José Carrillo; e varios representantes das ANPAS dos centros participantes no proxecto.

Durante a súa intervención, Maruxa Ledo destacou a oferta cultural que presenta Arousa Norte e subliñou que o Certame de Curtas Alberto Romero entronca co espírito dos eventos cos que se pretende crear unha axenda propia de Arousa Norte. Finalmente, quixo “felicitar aos organizadores, primeiro por ter esta idea, e logo polo seu esforzo para levala adiante”.

Pola súa banda, o presidente da Asociación Cultural Alberto Romero, Santiago García, lembrou que este certame naceu o pasado ano como unha iniciativa da ANPA Caramecheiro do IES Nº1 de Riveira como homenaxe ao traballo e dedicación social de Alberto Romero, persoeiro moi implicado co ensino público e moi querido na comarca. A esta acción, en seguida se sumaron as ANPAS do IES Leliadoura e a ANPA do CEIP de Palmeira, así como a Asociación Cultural Lajareu por Barlovento.

Segundo as bases do certame, poderán participar todos os centros de primaria (cursos 5º e 6º), secundaria (ESO), bacharelato e centros con diversidade funcional dos concellos de Arousa Norte.  Os traballos de carácter individual ou colectivo deberán axustarse ao formato de vídeo edición dunha curtametraxe de ficción ou dun documental que preferentemente non superen os 5 minutos de duración e en ningún caso os 10 minutos. Os traballos deberán ser entregados a través de Youtube ou Vimeo, enviando os datos de inscrición e ligazón do vídeo a través do formulario web en www.albertoromero.org

Os vídeos deberán entregarse (inscribirse) ata o 22 de decembro de 2017. A inscrición de cada curta debe ir acompañada de todos os datos requiridos no formulario (autor/es ou autora/s, centro educativo, localidade, curso, título, ligazón, teléfono de contacto e correo-e, e unha breve descrición da curta).

Os traballos optarán ao seguintes premios:

Premio dotado con 300 € para 5º e 6º de primaria e 1º e 2º da ESO.

Premio dotado con 300 € para 3º e 4º da ESO, 1º e 2º de bacharelato.

Premio dotado con 300 € para centros con diversidade funcional.

Premio dotado con 300 € para categoría libre.

 

Dejar un comentario