» » » » AROUSA NORTE PARTICIPA EN XANTAR 2019 CUN STAND PROPIO PARA VISIBILIZAR A EXTRAORDINARIA PROPOSTA GASTRONÓMICA E OS ATRACTIVOS DO TERRITORIO

AROUSA NORTE PARTICIPA EN XANTAR 2019 CUN STAND PROPIO PARA VISIBILIZAR A EXTRAORDINARIA PROPOSTA GASTRONÓMICA E OS ATRACTIVOS DO TERRITORIO

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

 

Arousa Norte XantarDURANTE A SÚA PRESENZA EN XANTAR, PROXECTARÁ OS ÚLTIMOS VÍDEOS PROMOCIONAIS E INFORMARÁ AOS INTERESADOS EN VISITAR ESTE DESTINO TURÍSTICO

Ourense, 6 de febreiro de 2019.- Xantar é a primeira das grandes citas turísticas de Galicia do ano e Arousa Norte quixo participar nesta ocasión cun stand propio, baseado no valor ecolóxico e o respecto pola natureza. Así, desde este mércores ata o vindeiro domingo, os visitantes do Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar 2019 pódense achegar a este espazo onde atoparán un destino baseado nunha proposta gastronómica sobre a base do produto fresco e ao redor dos miles de quilos de mexillón que produce a Ría de Arousa. A isto hai que engadir tamén unha excepcional paisaxe; un extraordinario patrimonio arquitectónico e arqueolóxico e un amplo abano de posibilidades para practicar deporte ao aire libre, sen esquecer as rutas de sendeirismo que conducirán aos visitantes a recónditos e inigualables lugares.

Neste sentido, o presidente da Mancomunidade Arousa Norte e alcalde de Boiro, Juan José Dieste, salientou que “poucos lugares de Galicia reúnen no seu territorio un repertorio tan diverso e tan completo de atractivos coma a nosa comarca, onde se poden atopar propostas para familias, para persoas que viaxan soas, en grupos, etc, amantes da cultura, da paisaxe, da gastronomía, do deporte, etc”.

Durante a súa presenza en Xantar 2019, Arousa Norte exhibirá o potencial gastronómico da zona cunha degustación que porá en valor os produtos de gran calidade cultivados e recollidos na Ría de Arousa. Esta terá lugar o vindeiro domingo ás 13,00 horas, no propio stand da Mancomunidade, e contará coa presenza de Juan José Dieste, presidente de Arousa Norte e alcalde de Boiro.

Asimesmo, sobre a promoción do potencial gastronómico, cabe salientar que Arousa Norte organiza cada ano o concurso +Q Tapas, no que restauradores da comarca desenvolven a súa creatividade para idear e presentarlle ao público propostas culinarias innovadoras e orixinais.

INALCANZABLES PANORÁMICAS

Arousa Norte tamén proxectará no seu stand os seus últimos vídeos promocionais. Así, o que leva por título ‘Nauta’ tentará atraer aos visitantes desta cita gastronómica, que ademais sexan amantes da natureza e da práctica do deporte ao aire libre e de carácter náutico. As outras pezas audiovisuais amosarán as inalcanzables panorámicas que se poden contemplar desde os distintos miradoiros e espazos naturais repartidos polos catro concellos de Arousa Norte.

Ademais de protagonizar a degustación, Arousa Norte está facilitando información sobre as propostas turísticas e de servizos que poden atopar os visitantes ao chegar a calquera dos catro concellos que integran este territorio. Entre estas suxestións está a Senda Litoral Arousa Norte, unha ruta que percorre a liña costeira dos catro concellos.

A xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo, tamén manterá encontros de traballo con touroperadores e axentes especializados en turismo de natureza, cultural e gastronómico. Estas reunións terán lugar este xoves, 7 de febreiro.