» » » » Arousa Norte intensificará a súa presenza en JATA 2017 (Xapón) e Grand Pavois de la Rochelle (Francia)

Arousa Norte intensificará a súa presenza en JATA 2017 (Xapón) e Grand Pavois de la Rochelle (Francia)

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

Arousa NorteO Pleno da Mancomunidade, presidido polo alcalde do Concello de Rianxo, Adolfo Muíños, deu hoxe o visto e prace á programación de Arousa Norte para os vindeiros meses, na que se atopa unha maior presenza na Feira de Turismo Internacional de Xapón JATA 2017 e na Grand Pavois de La Rochelle, en Francia. Neste sentido, técnicos de Arousa Norte manterán intensas reunións de traballo en Xapón con touroperadores e axentes especializados no ámbito turístico interesados na oferta de ocio, paisaxística e de natureza de Arousa Norte. A feira nipona desenvolverase desde o 21 ao 24 de setembro.

Antes de que remate este mes de setembro, Arousa Norte participará en La Rochelle na feira náutica Grand Pavois. Precisamente, neste encontro no que se dan cita navegantes e amantes da náutica de toda Europa, Arousa Norte informará sobre o seu roteiro náutico e tamén presentará un novo material con información especifica sobre as características e servizos dos cinco portos náuticos emprazados nos catro concellos desta mancomunidade.

Tamén nos próximos meses, o pleno da Mancomunidade acordou iniciar os traballos para o desbroce e acondicionamento do novo sendeiro polo litoral de Arousa Norte que percorrerá a fachada atlántica dos catro concellos. Precisamente, para a delimitación do trazado deste sendeiro tivéronse en conta cuestións como a preservación dos ecosistemas, a seguridade e a accesibilidade, os riscos derivados da dinámica costeira, e a posta en valor do patrimonio natural, cultural e paisaxístico.

Incremento de consultas turísticas

O Pleno da Mancomunidade tamén adiantou que, “á espera dos datos definitivos das oficinas de turismo dos catro concellos, todo parece indicar que as estatísticas foron satisfactorias e se rexistrou un incremento de consultas turísticas en Arousa Norte este verán”, segundo apuntou Adolfo Muíños.

Neste sentido, valoraron moi positivamente eventos coma os Vermús Musicais ou o Circuíto de Carreiras Populares 4 Carreiras e 1 Meta que serviron de elementos de atracción e de ocio para os visitantes que optaron por Arousa Norte.

Segundo un primeiro avance dos datos estivais, as reservas hoteleiras prolongáronse máis aló da época estival, continuando de xeito importante na segunda quincena de agosto e a primeira de setembro.

Os lugares de procedencia das persoas que realizaron as consultas en materia turística foron en maior medida do territorio español pero tamén chegados de Europa – Gran Bretaña, Irlanda, Países Baixos, Alemaña- e tamén de Asia, fundamentalmente Xapón; Estados Unidos e Latinoamérica.

Precisamente, para homologar e harmonizar a recollida dos datos de consultas nas catro oficinas de turismo dos concellos de Arousa Norte, a  Mancomunidade acaba de deseñar unha ferramenta tecnolóxica que permitirá recoller a través dunha APP a información necesaria para realizar un análise rigoroso das consultas e visitas que recibe Arousa Norte.

Dejar un comentario