» » » » AROUSA NORTE IMPULSA A SENDA LITORAL CUN CONCURSO FOTOGRÁFICO EN REDES SOCIAIS

AROUSA NORTE IMPULSA A SENDA LITORAL CUN CONCURSO FOTOGRÁFICO EN REDES SOCIAIS

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

Senda LitoralA Mancomunidade Arousa Norte vén de convocar un concurso fotográfico a través das súas redes sociais co que anima a percorrer a Senda Litoral Arousa Norte que discorre polos catro concellos da entidade. Así o anunciou esta mañá o presidente de Arousa Norte e alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, no decurso dunha rolda de prensa na que se presentou a Senda Litoral Arousa Norte que ten unha lonxitude de 100 quilómetros e que vén a ser “una nova proposta turística” que pretende “cohesionar o noso territorio” unindo “ aínda máis os catro concellos que conformamos Arousa Norte: A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Riveira”, sinalou Xosé Lois Piñeiro.

“Este percorrido –engadiu o presidente de Arousa Norte- amosaralle ao seu visitante praias magníficas, a veces escondidas e permitirá tamén percorrer as vilas mariñeiras que viven cara e do mar, así ata chegar ás mansas augas dos ríos Ulla e Umia, navegables en boa parte da súa desembocadura”.

Durante a rolda de prensa, celebrada na Casa do Concello da Pobra de Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro destacou que a Senda Litoral vén a complementar por terra o percorrido da Traslatio marítimo fluvial e subliñou que a nova proposta non só está dirixida a sendeiristas, senón tamén a persoas que buscan treitos para facer en bicicleta e tamén para familias que buscan pasar a fin de semana ou parte dun día nun contorno natural.

O presidente de Arousa Norte anunciou ademais a convocatoria dun concurso fotográfico no que poden participar todas aquelas persoas que queiran amosar a súa particular visión da Senda Litoral con fotografías da propia ruta, dunha paraxe escondida, dunha escena  e mesmo da paisaxe que máis lles gusta de todo este percorrido.

Semana Santa

“Desde este momento –engadiu-, animamos a todos os veciños e veciñas e a todos os visitantes de Arousa Norte que veñan a coñecernos por Semana Santa que percorran a Senda Litoral Arousa Norte e que nos deixen a súa ollada a modo de fotografía neste concurso”.

Pola súa banda, a xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo, salientou que a entidade vén de elaborar un mapa da Senda Litoral, unha web específica (www.sendalitoral.arousa-norte.es) e unha guía de recursos turísticos próximos a esta ruta que pretenden facilitar ao visitante toda a información sobre os atractivos de Arousa Norte.

Ademais, Maruxa Ledo fixo fincapé na convocatoria deste concurso co que “tentamos darlle máis visibilidade a esta nova proposta turística e agardamos que sexa un éxito de participación e de instantáneas que nos amosen un maior número de paraxes fermosas e sorprendentes de Arousa Norte”.

Segundo explicou a xerente de Arousa Norte,  poderán participar neste concurso as fotografías que se realicen en dita Senda Litoral, sobre a propia ruta, as súas vistas, puntos de interese na mesma, etc. Os autores terán que ser maiores de 18 anos e admitiranse como máximo dúas fotografías por autor, que deberán ser orixinais. Os participantes aceptarán as bases e a fotografía gañadora poderá ser usada por Arousa Norte para comunicar o gañador e a promoción da Senda Litoral.

A mecánica establece que os participantes terán que subir a fotografía á aplicación facilitada por Arousa Norte en Facebook e Instagram. Delas, farase unha preselección entre todos os participantes das cinco fotografías con máis votos. Un xurado, integrado por un representante dos catro concellos e da propia mancomunidade escollerá a fotografía gañadora entre as cinco fotografías preseleccionadas polo maior número de votos. O criterio para escoller a fotografía gañadora será a que mellor represente e promocione a Senda Litoral de Arousa Norte.

O concurso comezará o 19 de marzo e finalizará o 1 de abril, durante este período todas as persoas que o desexen poderán votar polas súas fotos preferidas. A semana do 2 ao 8 de abril reunirase o xurado para elixir a fotografía  ganadora e o nome do gañador/a farase público o día 9 de abril de 2018. O autor/a da fotografía gañadora gozará dun paquete turístico de Arousa Norte para dúas persoas (2 noites) cunha ruta turística por este destino.