» » » » AROUSA NORTE ENTREGA 23 PREMIOS AOS DEPORTISTAS GAÑADORES DOS CIRCUÍTOS TRAIL SERIES, ULTRATRAIL E CATRO CARREIRAS E UNHA META

AROUSA NORTE ENTREGA 23 PREMIOS AOS DEPORTISTAS GAÑADORES DOS CIRCUÍTOS TRAIL SERIES, ULTRATRAIL E CATRO CARREIRAS E UNHA META

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

O presidente da Mancomunidade Arousa Norte e alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, presidiu este venres a entrega dos premios deportivos Circuítos Arousa Norte que tivo lugar no Teatro Elma na Pobra do Caramiñal. Alí déronse cita máis de 100 deportistas de distintas disciplinas e repartíronse 22 premios correspondentes aos circuítos deportivos Trail Series 2018, Ultratrail 2018 e Catro Carreiras e unha meta 2017 (4C1M).

Ao acto, que estivo conducido pola actriz nada en Riveira, Susana Sampedro, tamén asistiron o vicepresidente de Arousa Norte e alcalde de Boiro, Juan José Dieste; o vogal e alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e o concelleiro de Seguridade Cidadá de Riveira en representación do rexedor dese concello, Víctor Reiriz, ademais da xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo.

O grupo da Pobra Rock-Olas foi o encargado de amenizar un acto no que non faltaron os trofeos obra dos artesáns de Arousa Norte Eva Callón e Roberto Figueira.

Durante a súa intervención, o presidente de Arousa Norte e alcalde da Pobra do Caramiñal, destacou a importancia que están alcanzar eventos deportivos coma o Trail Series, o Ultratrail e o Catro Carreiras e unha meta que están a amosar o potencial turístico do deporte en Arousa Norte ao tempo que están a converter esta zona nun referente para a práctica deportiva ao aire libre.

Premiados no Trail Series

Os concelleiros de Deportes dos catro concellos de Arousa Norte, Genoveva Santos da  Pobra do Caramiñal; Manuel Romero Vázquez de Boiro; Anxo Orellán de Riveira e Xusto Xosé Ordoñez Figueira de Rianxo foron os encargados de entregar os premios do Trail Series 2018. Así, Beatriz Barroso Pérez, María Mareque Martínez e Serafina Pereira recolleron o primeiro, segundo e terceiro premio, respectivamente, na categoría feminina do Trail Series 2018, mentres que Esteban Toucedo Santos, Luís Enrique Martínez Comesaña e Manuel Ces Cristobo, recibiron os galardóns correspondentes ao primeiro, segundo e terceiro posto, respectivamente, tamén neste circuíto.

Na categoría de equipos resultaron vencedores do Trail Series 2018 os Virxiguianos Trail no terceiro posto, o Barbantia Roda no segundo e o Tribu Trail no primeiro posto. Todos eles recibiron ademais dun diploma acreditativo, un trofeo de Eva Callón.

Circuíto Ultratrail

No que atinxe ao circuíto Ultratrail 2018, recolleron os seus premios neste acto, os corredores e as corredoras de Arousa Norte que acadaron os mellores tempos. Así, no Minitrail de 20 km, resultaron premiados os deportistas Elena Matalobos Redondo de Boiro e Ramón Ignacio Folgar Pouso de Riveira.

No Trail 35km, resultou gañadora do mellor tempo a arousana Pati Martínez Lago de Riveira e Ramón Picos Rey da Pobra do Caramiñal, mentres que no Ultratrail 60Km recolleu o premio coma arousán co mellor tempo José Francisco Vilasoa Silva de Boiro. Estes deportistas levaron un trofeo obra do artesán Roberto Figueira ademais do diploma acreditativo.

Os circuítos Trail Series e Ultratrail 2018 tamén tiveron premio ao mérito deportivo nas dúas modalidades. Así, no Ultratrail resultou galardodo con este premio o corredor Ramiro Álvarez Nores e no Trail Series, este galardón recaeu en José López Rivas.

Gañadores do 4C1M

De seguido tivo lugar a entrega dos trofeos correspondentes ao circuíto Catro Carreiras e unha meta que foron entregados polos rexedores de Arousa Norte. Nesta competición, o Colexio Galaxia resultou galardoado, por segundo ano consecutivo, co premio ao colexio con máis inscritos e recibiu ademais do diploma, un bono de 300 euros en material deportivo.

O premio ao equipo con máis corredores inscritos foi para o Club Barbantia Roda de Boiro que tamén recibiu un bono en material deportivo por valor de 300 euros xunto co diploma acreditativo.

Na categoría absoluta feminina, resultou clasificada en primeira posición Silvia García Lorenzo, que recibiu un premio de 400 euros, diploma e un bono turístico de Arousa Norte, e en segunda posición, Paula Seoane Ferández, que recibiu un premio de 200 euros, diploma e un bono turístico.

Na categoría absoluta masculina, o terceiro premio dotado con 100 euros, diploma e un bono turístico foi para Jose Lojo; o segundo de 200 euros, diploma e bono turístico foi para Amador Pena Torreira e o primeiro dotado con 400 euros, diploma e bono turístico correspondeu a Juan Antonio Gude Vila.

Trala entrega dos premios, o acto rematou coa presentación do vídeo promocional turístico Todo o deporte en Arousa Norte.