» » » » AROUSA NORTE E A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DA CORUÑA PROMOVEN UN PROXECTO TURÍSTICO E CULTURAL QUE CONVERTERÁ ESTA ZONA NUN REFERENTE PARA O COÑECEMENTO DA IDADE DO FERRO EN ESPAÑA E EUROPA

AROUSA NORTE E A DEPUTACIÓN PROVINCIAL DA CORUÑA PROMOVEN UN PROXECTO TURÍSTICO E CULTURAL QUE CONVERTERÁ ESTA ZONA NUN REFERENTE PARA O COÑECEMENTO DA IDADE DO FERRO EN ESPAÑA E EUROPA

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

Arousa NorteA Mancomunidade Arousa Norte en colaboración coa Deputación Provincial de A Coruña veñen de presentar esta maña un ambicioso proxecto de promoción turística e cultural que converterá esta comarca nun referente na concreción da Idade de Ferro en Galicia e Europa. Así o explicou esta mañá o presidente de Arousa Norte e alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, no decurso dunha ruta guiada de presentación do proxecto ‘A Idade do Ferro, Os castros dos praestamáricos’, financiado pola Deputación Provincial de A Coruña. Na presentación tamén estivo presente o deputado provincial da área de Turismo, Xosé Regueira.

Durante a presentación, Xosé Lois Piñeiro destacou que “Arousa Norte dispón dun valor único en Galicia e, posiblemente, en Europa, xa que conta coa maior densidade de castros investigados cientificamente nunha comarca natural e nun antigo territorio xa identificado como tal desde as fontes clásicas romanas”.

O proxecto pretende poñer en valor unha serie de recursos territoriais de carácter cultural e turístico baixo unha mesma liña temática destinada a crear unha experiencia global para contar a Idade do Ferro a través do hábitat dun pobo concreto da Idade do Ferro, contribuíndo a humanizar o relato arqueolóxico.

O proxecto baséase na visita física aos sitios arqueolóxicos designados: Castro de Isorna, en Rianxo; os de Neixón e de Achadizo, en Boiro; o de Croa de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal, e o Castro da Cidá, en Riveira. Ademais, incluirá a creación dunha marca identificativa do proxecto, a construción de produtos interpretativos dixitais e físicos, a mellora da accesibilidade dos emprazamentos e o desenvolvemento de actividades destinadas a poñer en valor todos estes recursos.

Arousa Norte considera que é un proxecto de gran potencialidade para chegar ao turista cultural do Estado e de diversos países europeos coma as Illas Británicas, Francia, Portugal, Alemaña ou dos países nórdicos que chegan ao noso territorio por mar.

O proxecto, financiado pola Deputación Provincial de A Coruña cunha achega de 500.000 euros, terá impacto directo nos concellos de Arousa Norte, pero tamén contará coa colaboración do municipio de Porto do Son. A duración da iniciativa será de 4 anos, nos cales se procederá a realizar escavacións, obras de mellora da accesibilidade e a deseñar e implementar todas as ferramentas para a difusión do mesmo.

O proxecto contribuirá a poñer en valor o territorio, ademais de complementar a oferta turística con produtos turístico/culturais de calidade e contribuír a desestacionalizar a demanda turística a través dun produto consumible todo o ano.

Concreción do proxecto

O parque porá en valor novos recursos histórico patrimoniais con discursos propios de cada un deles. Así, do Castro de Isorna destacarase o control estratéxico das comunicacións fluviais partindo do río Ulla como unha gran autoestrada de comunicación; dos Castros de Neixón destacaranse os intercambios comerciais co Mediterráneo e a evolución da Idade do Ferro no tempo; do de Achadizo, a explotación dos recursos mariños na Idade do Ferro; do de  Croa de Postmarcos, o mundo agrícola na prehistoria. A evolución das identidades da Idade do Ferro en épocas posteriores, e o discurso do Castro da Cidá destacará sobre todo as orixes da Idade de Ferro.