» » » » AROUSA NORTE CONSOLIDA OS VERMÚS MUSICAIS E O CIRCUÍTO 4 CARREIRAS E UNHA META

AROUSA NORTE CONSOLIDA OS VERMÚS MUSICAIS E O CIRCUÍTO 4 CARREIRAS E UNHA META

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

Arousa NorteA Mancomunidade Arousa Norte vén de aprobar a planificación da entidade para os próximos meses que pasa pola consolidación este ano dos Vemús Musicais e do Circuíto Catro Carreiras e unha meta que alcanzan, ámbolos dous, a súa terceira edición. Ademais, o órgano da entidade deu o visto e prace ao convenio que se asinará proximamente coa Axencia de Turismo de Galicia e á celebración da I Regata Volta a Ons –Trofeo Arousa Norte.

Tras dúas edicións de éxito, os Vermús Musicais volverán a encher as rúas dos catro concellos de Arousa Norte durante o mes de agosto, converténdose nun foco de atracción de público de concellos limítrofes e doutras áreas xeográficas, ao tempo que se recupera a tradicional sesión vermú como un acto social con enraizamento na cultura galega, segundo teñen manifestado os organizadores.

Así, durante os domingos do mes de agosto prográmanse distintos encontros musicais en vivo en lugares públicos simultaneamente nos catro concellos tentando converter ao Barbanza nun destino cultural vinculado á musica en directo e dinamizando, ao mesmo tempo, as economías locais dos concellos participantes facendo partícipes do proxecto ao sector hostaleiro.

Ao mesmo tempo, no mes de agosto celebrarase a primeira carreira integrada no Circuíto Catro Carreiras e unha meta, que este ano tamén alcanza a súa terceira edición e que ten como novidade a figura dun coordinador da proba que recaerá no delegado da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín. En colaboración cos departamentos de Deportes dos catro concellos de Arousa Norte e coa propia Mancomunidade, Iván Sanmartín está a elaborar as bases que rexerán este ano Catro Carreiras e unha meta.

O Pleno da Mancomunidade tamén autorizou a organización da Regata Volta a Ons Trofeo Arousa Norte que organizará a Federación Galega de Vela e o Club Náutico de Boiro. A proba terá lugar o 18 de agosto e será para as divisións ou clases: regata, cruceiro/regata e cruceiro.

Ademais, acordou que Arousa Norte participará cun stand propio na feita de turismo Intur que se celebra en Valladolid do 22 ao 25 de novembro, e con senllos puntos de información nas feiras de turismo náutico Grand Pavois de La Rochelle, do 26 de setembro ao 1 de outubro e o Salón Náutico de París, do 2 ao 10 de decembro.

Entre outros asuntos abordados polo Pleno, este órgano tamén deu o visto e prace ao convenio bianual que se asinará entre a Mancomunidade Arousa Norte e a Axencia de Turismo de Galicia. O acordo, que se asinará proximamente, inclúe o desenvolvemento de distintas actuacións ao redor de varios eixes estratéxicos que inclúen, entre outros, a accesibilidade universal aplicada á promoción turística e o turismo deportivo e de natureza.