» » » » Arousa Norte amosa o seu potencial gastronómico en Xantar 2018 cunha degustación que ensalza a creatividade culinaria da zona

Arousa Norte amosa o seu potencial gastronómico en Xantar 2018 cunha degustación que ensalza a creatividade culinaria da zona

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

xantar_2018

Arousa Norte non só se está facendo sitio como un destino turístico sobre atractivos coma a paisaxe, a cultura, o patrimonio arquitectónico e arqueolóxico ou os deportes náuticos e ao aire libre;  tamén está a salientar no ámbito gastronómico con produtos de gran calidade cultivados e recollidos na Ría de Arousa ao que se engade toda unha cultura gastronómica da zona desenvolvida por restauradores locais que amosan a tradición e o bo facer culinario. Unha boa proba disto foi a proposta presentada este sábado polo restaurante O Curral do Marqués, de Rianxo, que ofreceu unha degustación en Xantar 2018, en Ourense, dando conta da creatividade e a innovación dos equipos de restauradores desta comarca, aderezada coa música do quinteto de Rianxo Pentravesía.

O vogal da Mancomunidade de Arousa Norte e alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, valorou a presenza desta entidade en Xantar 2018 subliñando que “nos permite ensinar a nosa comarca nunha das citas turísticas e gastronómicas máis importantes de Galicia”. “Hoxe estamos aquí para presentar a nosa cociña, na que non faltan produtos do mar e da terra, pero Arousa Norte ten moito máis que ofrecer aos visitantes e gustaríanos que nos viñesen a coñecer alí, en calquera dos catro concellos que conformamos Arousa Norte”, engadiu.

Durante a degustación, o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, acompañado pola delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz, visitaron o stand no que puideron degustar a proposta de Arousa Norte en Xantar 2018.

 

Ceviche e rámen

Arousa Norte está a participar en Xantar 2018 cun stand propio no que ofreceu a degustación do Curral do Marqués. O menú proposto consistiu en ceviche de zamburiñas, rámen de cocido de porco e papas de arros con leite de coco e piña caramelizada.

xantar_2018(3)

Todo isto regado cun viño tino da zona, Eido da Salgosa, elaborado con uvas albariño plantadas en Leiro (Rianxo) polo enólogo David Rial. Trátase dun “viño novo, fresco, lixeiro, embotellado no seu propio ano de colleita e ideal para disfrutar dunha boa sobremesa”, segundo sinala o enólogo na ficha do caldo. O Curral do Marqués propuxo para a sobremesa o viño branco doce Cazapitas 12, tamén da zona de Rianxo.

Os visitantes de Xantar 2018 que participaron na degustación ofrecida por Arousa Norte destacaron o carácter innovador das propostas culinarias, así coma a idoneidade da eleccións dos viños que as acompañaban.

O Salón Internacional de Turismo Gastronómico Xantar estase a desenvolver no recinto feiral Expourense desde o pasado mércores, 31 de xaneiro, ata este domingo, 4 de febreiro. A xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo, cualificou a celebración desta feira galega coma unha dos referentes galegos máis importantes do sector turístico “e nós, coma Arousa Norte, non podíamos faltar para ensinar o noso potencial gastronómico e atraer a un maior número de visitantes de toda Galicia”.

Ademais de protagonizar a degustación deste sábado, Arousa Norte está facilitando información sobre as propostas turísticas e de servizos que poden atopar os visitantes ao chegar a calquera dos catro concellos que integran. Unha das principais novidades é a guía da Senda Litoral Arousa Norte que está a espertar a curiosidade dos visitantes do stand.