» » » » AROUSA NORTE AMOSA NO SALÓN NAUTIC DE PARÍS O POTENCIAL DA SÚA OFERTA TURÍSTICA NÁUTICA

AROUSA NORTE AMOSA NO SALÓN NAUTIC DE PARÍS O POTENCIAL DA SÚA OFERTA TURÍSTICA NÁUTICA

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

logo nautic

A Mancomunidade Arousa Norte está a amosar todo seu atractivo turístico náutico en Nautic, o Salón Naútico de París que se esta a desenvolver na capital gala dende o 8 de decembro e que pechará as súas portas o domingo, 16 de decembro. Ao longo destes nove días, Arousa Norte promociona os cinco portos náuticos ubicados nos catro concellos da Mancomunidade, así coma a ruta marítimo-fluvial da traslatio que rememora a chegada a Galicia dos restos do Apóstolo Santiago e que constitúe “un aliciente máis para os navegantes que vén como poden realizar unha ruta náutica vinculada a tradición xacobea”, segundo apuntou a xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo.

Pola súa banda, o presidente da Mancomunidade e alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, anunciou que “Arousa Norte participará cada vez máis neste tipo de citas, xa que temos constatado que contribúen a incrementar o número e visitantes que aproveitan calquera data para vir a coñecernos ben sexa por terra ou ben por mar”. Neste sentido, lembrou como o número de visitas a Arousa Norte se incrementou nun 46% na tempada de verán con respecto ao mesmo período de 2017, “un balance no que influíu a labor de promoción do destino que temos feito en feiras nacionais e internacionais”.

Arousa Norte está a participar en Nautic 2018 da man de Turgalicia ofrecendo información sobre os cinco portos náuticos e as tarifas, así como sobre os atractivos turísticos da zona a través dos folletos Roteiro Náutico e Roteiro a Motor, así como da Senda Litoral Arousa Norte, que percorre paralela a liña de costa dos catro concellos. A información que se distribúe nesta feira é en galego, español e francés.