» » » » AROUSA NORTE AMOSA NO FESTIVAL MARÍTIMO DE PASAIA O PATRIMONIO CULTURAL DA ZONA A TRAVÉS DA TRADICIONAL CARPINTERÍA DE RIBEIRA

AROUSA NORTE AMOSA NO FESTIVAL MARÍTIMO DE PASAIA O PATRIMONIO CULTURAL DA ZONA A TRAVÉS DA TRADICIONAL CARPINTERÍA DE RIBEIRA

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

A Mancomunidade Arousa Norte participará a partir deste xoves, 17 de maio, ata o luns 21 de maio, no Festival Marítimo de Pasaia 2018 amosando parte do seu patrimonio cultural e cultura marítima a través da tradicional carpintería de ribeira e da man da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (AGALCARI). Esta entidade desprazará a localidade guipuscoana dous carpinteiros de ribeira que amosarán en vivo os traballos de elaboración artesanal de distintas pezas que formarán parte dun bote de carril, típico e moi utilizado nesta zona da Ría de Arousa.

Arousa Norte complementará a súa presenza neste festival marítimo, o primeiro de embarcacións tradicionais que se celebra en Euskadi, cun punto informativo no que facilitará información sobre a oferta turística de Arousa Norte a través de varios folletos informativos, entre os que se incluirá o folleto náutico Arousa Norte: 365 días navegables, en francés e inglés, mapas e roteiros náuticos e a motor.

A entidade amosa deste xeito a supervivencia dunha das actividades máis prósperas da Ría de Arousa como foi a carpintería de ribeira que estivo presente na historia desta zona a través dos múltiples estaleiros que bordearon toda a Ría e nos que se construían lanchas xeiteiras, dornas, balandros, galeóns, traíñas ou gamelas. Nesta ocasión, os carpinteiros construirán un bote de carril de 5 metros de eslora e 2 de manga, con popa de espello e vela cangrexa.

O Festival Marítimo de Pasaia pretende poñer en valor ao tempo que visibilizar o patrimonio marítimo facendo especial fincapé na cultura do mar e as embarcacións tradicionais. A cita complementarase con actuacións musicais, degustacións gastronómicas, gastronomía e obradoiros ao redor das embarcacións tradicionais.