» » » » AROUSA NORTE ACOLLE A CELEBRACIÓN DO CAMPIONATO DE ESPAÑA INFANTIL MASCULINO DE VOLEIBOL 2018

AROUSA NORTE ACOLLE A CELEBRACIÓN DO CAMPIONATO DE ESPAÑA INFANTIL MASCULINO DE VOLEIBOL 2018

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

Voleibol Arousa Norte Galicia

A Mancomunidade Arousa Norte acollerá do 16 ao 20 de maio o Campionato de España Infantil Masculino de Voleibol. Así o anunciou hoxe o presidente da Mancomunidade e alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, despois de asinar o convenio de colaboración entre esta entidade e a Federación Galega de Voleibol, representada polo seu presidente, José Ángel Luna Bargo, e presidente do Club de Voleibol Cabo de Cruz de Boiro, Andrés Martínez, e o xogador Juan Romeral. Na presentación aos medios de comunicación tamén estiveron presentes o vicepresidente de Arousa Norte e alcalde de Boiro, Juan José Dieste, e a xerente de Arousa Norte, Maruxa Ledo.

Durante a súa intervención, o presidente da Mancomunidade explicou que neste evento deportivo daranse cita ata 24 equipos que pernoctarán en Arousa Norte durante os días da competición. Ademais, a organización estima que unhas 1.000 persoas visitarán a zona eses días por mor do campionato e o día da final,  este cifra duplicarase ata as 2.000 persoas de público.

“Trátase dunha cita –engadiu Xose Lois Piñeiro- moi importante a nivel deportivo para toda a provincia e incluso para toda Galicia e esperamos que sexa un elemento impulsor desde o punto de vista turístico”. Neste sentido, subliñou que se inclúe na axenda de eventos propios de Arousa Norte e contribuirá a desestacionalizar o turismo atraendo visitantes fóra da tempada alta.

Pola súa banda, o presidente da Federación Galega de Voleibol, José Ángel Luna, subliñou que se trata dunha excelente oportunidade para promocionar os atractivos turísticos de Arousa Norte.

Segundo explicou o presidente da Federación Galega de Voleibol, o campionato desenvolverase nas instalacións deportivas dos catro concellos, sendo a semifinal e a final, o sábado 19 e o domingo, 20 de maio, no pavillón da Cachada, en Boiro. Os equipos e o persoal técnico, árbitros, xuíces, etc. aloxaranse eses días en distintos establecementos hostaleiros de Arousa Norte.