» » » » A TRASLATIO, O TURISMO DEPORTIVO E A PROPOSTA GASTRONÓMICA, EIXES DA PROMOCIÓN TURÍSTICA DE AROUSA NORTE E A AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA

A TRASLATIO, O TURISMO DEPORTIVO E A PROPOSTA GASTRONÓMICA, EIXES DA PROMOCIÓN TURÍSTICA DE AROUSA NORTE E A AXENCIA DE TURISMO DE GALICIA

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

Arousa Norte

O presidente da Mancomunidade Arousa Norte e alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro, e a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, veñen de asinar un convenio de colaboración para o desenvolvemento de accións de promoción turística dos catro concellos que forman parte da entidade. O acordo, que foi ratificado esta mañá a bordo dunha embarcación tradicional navegando pola Ría de Arousa, ten carácter bianual e supón un investimento por parte da Axencia de Turismo de Galicia de 200.000 euros.

Durante o percorrido, que partiu da Pobra do Caramiñal e rematou en Boiro, Nava Castro estivo acompañada ademais, do vicepresidente de Arousa Norte e alcalde de Boiro, Juan José Dieste; e dos vogais e alcaldes de Riveira e Rianxo, Manuel Ruíz Rivas e Adolfo Muíños.

Arousa Norte e a Axencia de Turismo de Galicia coinciden na necesidade de acometer actuacións no marco de catro liñas estratéxicas como son a accesibilidade universal aplicada á promoción turística, o turismo deportivo e de natureza, o turismo gastronómico, a promoción e divulgación do destino e a difusión e proxección da traslatio, como atractivo turístico vinculado ao xacobeo.

Deste xeito, Arousa Norte e a Axencia de Turismo de Galicia pretenden potenciar a traslatio como un recurso turístico de incipiente interese en toda a comarca. grazas á curiosidade que espertan, entre os visitantes que realizan o camiño, aqueles itinerarios vinculados dalgún xeito co fenómeno xacobeo. A mancomunidade apostará, así, pola promoción e as posibilidades desta ruta marítimo fluvial e realizará presentacións a axentes especializados, empresas de servizos e bloggers e xornalistas especializados.

A accesibilidade, criterio de calidade

Co obxectivo de manter a accesibilidade universal como criterio de calidade e liña transversal en tódalas accións contempladas no convenio, a Mancomunidade destinará o 2% do orzamento á implementación da accesibilidade universal en todas as accións que o permitan, incluíndo nesta apartado a difusión e apoio para a promoción de circuítos accesibles e a difusión destas propostas a través de redes, medios e foros profesionais.

No apartado de turismo deportivo e de natureza, Arousa Norte promocionará especialmente o turismo náutico a través das propostas dos cinco portos situados na costa dos catro municipios que integran a Mancomunidade. Ademais de difundir as rutas náuticas, poranse en valor os recursos paisaxísticos e patrimoniais e promocionarase especialmente o destino nas feiras náuticas de La Rochelle e París.

Tamén neste apartado de turismo deportivo, Arousa Norte continuará promovendo o evento deportivo Catro Carreiras e unha meta e seguirá a divulgar a senda litoral Arousa Norte que discorre parella á liña de costa dos catro municipios.

Gastronomía e mercado nacional

A Mancomunidade promoverá especialmente o atractivo gastronómico desta comarca avalado na calidade dos produtos que produce ademais do mexilón, estrela da gastronomía local, cuxa calidade está recoñecida a nivel internacional. Neste marco, continuará desenvolvendo o evento gastronómico Máis que tapas e favorecerá a organización de eventos gastronómicos na comarca.

Finalmente, Arousa Norte promocionará o destino en medios de comunicación, redes sociais e traballará especialmente o mercado nacional con accións específicas na feira de turismo interior Intur de Valladolid, ademais de continuar coa súa presenza en citas consolidadas como Fitur, Xantar e Turexpo, entre outras.