» » » » A POBRA DO CARAMIÑAL CELEBRARÁ A PRIMEIRA PROBA DO CIRCUÍTO CATRO CARREIRAS E UNHA META O DOMINGO 26 DE AGOSTO

A POBRA DO CARAMIÑAL CELEBRARÁ A PRIMEIRA PROBA DO CIRCUÍTO CATRO CARREIRAS E UNHA META O DOMINGO 26 DE AGOSTO

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

O Paseo Marítimo da Pobra do Caramiñal foi escenario esta mañá da presentación do Circuíto de carreiras Populares de Arousa Norte Catro Carreiras e unha meta que se desenvolverá no segundo semestre deste ano nos catro concellos desta Mancomunidade: A Pobra do Caramiñal, Boiro, Rianxo e Riveira. A primeira das citas deportivas será, segundo indicou o presidente de Arousa Norte, Xosé Lois Piñeiro, na Pobra do Caramiñal, o domingo, 26 de agosto. Referíndose ao circuíto, o alcalde da Pobra destacou que se trata “da terceira edición deste evento e estase a consolidar como unha das citas culturais e deportivas que xa forman parte da axenda de eventos propios de Arousa Norte”.

Este ano, a organización desta cita deportiva vén acompañada de varias novidades coma o feito de que conta cun coordinador deportivo do circuíto que recae no delegado da Federación Galega de Atletismo, Iván Sanmartín. Durante a presentación, o coordinador deportivo de Catro Carreiras e unha meta explicou que o  circuíto contará co control técnico da Federación Galega de Atletismo e poderán participar todas aquelas persoas que o desexen, sexan ou non federados/as no deporte do atletismo.

 

Modalidades

As modalidades de participación serán a título individual en cada una das probas do circuíto, inscribíndose nunha ou en varias das probas do circuíto pero sen participar na competición global ou ben como participantes no circuíto, inscribíndose especificamente na modalidade de circuíto co obxectivo de completar a participación no mesmo. Os mesmos entrarán na clasificación particular de cada unha das probas nas que participen, e tamén puntuarán na clasificación xeral do circuíto contra todos/as os que o fagan do mesmo xeito.

As categorías de participación no circuíto serán as seguintes (homes/mulleres):

SUB 10  H/M anos 2009 e 2010
SUB 12 H/M anos 2007 e 2008
SUB 14 H/M anos 2005 e 2006
SUB 16 H/M anos 2003 e 2004
SUB 18 H/M anos 2001 e 2002
SUB 20  H/M anos 1999 e 2000
SUB 23 H/M anos 1996, 1997 e  98
SENIOR H/M de 1995 ata máster
MASTER 1 H/M de 35 a 40 anos
MASTER 2 H/M de 41 a 49 anos
MASTER 3 H/M de 50 a 59 anos
MASTER 4 H/M de 60 anos en diante

 

O 26  de agosto terá lugar a primeira das carreiras populares en Pobra do Caramiñal e a continuación, desenvolveranse as outras tres de acordo co seguinte calendario: o 29 de setembro a CCArousa Norte Riveira-Santa Uxía; o 1 de novembro a CCArousa Norte Rianxo e o 2 de decembro a CCArousa Norte Boiro.

Os participantes poderán facelo por equipos populares, por clubs federados ou por centros  escolares. A inscrición no circuíto realizarase online a través da páxina web www.emesports.es e o prazo abrirase o 21 de xullo e rematará a data límite para inscribirse na proba de Riveira-Santa Uxía.

 

Premios e trofeos

Os premios ao circuíto serán entregados en datas posteriores ao remate da derradeira proba do circuíto e serán os seguintes:

  • Trofeo para os/as 3 primeiros/as clasificados/as absolutos adultos do circuíto. Estes non recibirán o trofeo da súa categoría (premios non acumulativos).
  • Trofeo os/as 3 primeiros/as clasificados/as de cada categoría establecida no presente regulamento, tanto adultos como escolares.
  • Trofeo para os 3 centros escolares e clubs federados que acheguen máis participantes na categoría de escolares.
  • Trofeo para os 3 clubs federados masculinos e femininos e os 3 equipos populares masculinos e femininos que obteñan menos puntos na clasificación das probas do circuíto (sumando os puntos dos seus 4 mellores compoñentes).

 

Ademais, a organización tamén recolle premios especiais que se outorgarán aos 3 primeiros/as clasificados/as absolutos adultos do circuíto:

  • 1º clasificado/a: 400 euros e bono turístico.
  • 2º clasificado/a: 200 euros e bono turístico.
  • 3º clasificado/a: 100 € e bono turístico.

 

Recibirá un premio especial consistente nun bono de 300 € en material deportivo, o club federado en atletismo no que participe o maior número de corredores (computarán os adultos e escolares con licenza federativa en vigor) e tamén un  premio especial consistente nun bono de 300 € en material deportivo, o centro escolar no que participe o maior número de corredores das categorías escolares.

Reglamento Circuito de Carreiras Arousa Norte