» » » » A DEPUTACIÓN DA CORUÑA E A MANCOMUNIDADE AROUSA NORTE IMPULSAN O PROXECTO DE XEOPARQUE IDADE DE FERRO

A DEPUTACIÓN DA CORUÑA E A MANCOMUNIDADE AROUSA NORTE IMPULSAN O PROXECTO DE XEOPARQUE IDADE DE FERRO

Publicado en: Actualidad, Nota de prensa | 0

O vicepresidente e responsábel da área de Turismo da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, reuniuse cos alcaldes de Boiro, José Ramón Romero, Ribeira, Manuel Ruíz, A Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro e Rianxo, Adolfo Muíño para impulsar o proxecto de Xeoparque Idade de Ferro como unha liña de promoción turística e  cultural do territorio ademais de analizar distintas vías de colaboración para a dinamización da Mancomunidade Arousa Norte. Na xuntanza participou tamén a coordinadora técnica, Irene Maneiro.

No prazo de dous meses a Mancomunidade Arousa Norte e a Deputación da Coruña presentará as primeiras accións do proxecto Idade de Ferro que ten como obxectivo contribuír á promoción turística e poñer en valor os recursos arqueolóxicos dun territorio especialmente rico en patrimonio. Foi un dos acordos tomados na xuntanza que hoxe reuniu na sede da Deputación da Coruña ao seu vicepresidente, Xosé Regueira xunto cos alcaldes dos concellos que participan no proxecto, o de Ribeira, Manuel Ruíz, tamén presidente da Mancomunidade, o de Rianxo, Adolfo Muíño, o da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro e o de Boiro, José Ramón Romero.

A través da Mancomunidade desenvolverase, co financiamento da Deputación da Coruña, desenvolverase un ambicioso proxecto que incluirá desde escavacións e sinalización dos principais recursos até deseño e realización de rutas ademais da elaboración de ferramentas de divulgación e visibilización.

«Trátase dun proxecto de promoción turística e cultural que vai facer que esta comarca que goza xa de moito interese paisaxístico e como destino de praia pase a ser tamén un referente histórico arredor da Idade do Ferro», destacou o vicepresidente Xosé Regueira que fixo fincapé tamén na «estreita colaboración e na boa sintonía que se aprecia entre os concellos co obxectivo de sumar forzas para dar pasos adiante nunha iniciativa que porá o foco, de maneira especial, na intensa densidade de castros que existen no territorio».

Xosé Regueira destacou a implicación dos concellos e fixo fincapé nos beneficios de traballar de maneira mancomunada na área de Turismo nun proxecto, que, segundo sinalou, ten similitudes na maneira de actuar con outros nos que está implicada a Deputación da Coruña como son o Xeoparque de Ortegal, o Parque do Megalitismo da Costa da Morte ou Compostela Rupestre.

O Castro de Isorna, en Rianxo; os de Neixón e de Achadizo, en Boiro; o de Croa de Postmarcos, na Pobra do Caramiñal, e o Castro da Cidá, en Ribeira son algúns dos recursos deste proxecto que contará con identidade propia e actuacións para a mellora de sinalización e accesibilidade dos principais emprazamentos.

 

Novos proxectos

No marco da xuntanza puxéronse sobre a mesa outras iniciativas de carácter cultural que teñen como obxectivo a dinamización da comarca a través de festivais e proxectos de difusión nos que colaborarían conxuntamente os concellos e a Deputación da Coruña e que se darán a coñecer proximamente.